HISTORIA



 Á maioría da xente que lle gusta a festa do monte supoño que lle gustaría pertencer a unha banda. O gran problema é que é moi difícil que entre nunha banda un grupo numeroso de xente, ten que ser de forma escalonada (hoxe uns, outro ano outros…) e seguramente alguén sempre quedaría fóra. 

Eso foi o que nos pasou a nós. Polo que o único xeito de que todos os amigos formaramos parte da mesma banda era creando a nosa propia banda.
Deste xeito esta banda representaría dun modo máis real e ó mesmo tempo autóctono ó pobo de Salcidos.

Desfile 1997

     Falando entre os diferentes grupos de amigos comprobouse que poderiamos ser un mínimo dunhas 50 persoas. 
Sendo varios os que nos xuntamos para impulsar e levar adiante a banda, comprobamos que, conforme pasaba o tempo e a idea da banda se extendía coma cando entra a névoa polo río (lenta pero imparable), o ánimo e a ilusión da xente aumentaba tamén.
Esto deunos folgos para seguir e pelexar por este proxecto (quizáis irrealizable para algúns e quimera para outros).
Reunido un número de compoñentes bastante máis grande do que esperabamos puxémonos rápidamente a preparar todo o necesario para ter unha banda en condicións: primeiramente, o nome, despois unha equipaxe, logo o “toque” e, rematando, pancarta e bandeiras.

    O nome foi unha decisión tomada entre todos os compoñentes da banda, partindo de diferentes propostas.
A equipaxe foi ben sinxela e sen embargo creo que causou bastante sensación, sobre todo a camisa, dado que a cor que escollemos era bastante vistosa: azul. O pantalón ou falda branco así coma o calzado, pañoleta azul e faxa negra. Para o debuxo que se imprimiu na camisa escolleuse o cruceiro pinto (para a parte traseira) e para a parte dianteira, no peto, un par de espigas e un racimo de uvas.
O cruceiro é o símbolo representativo da banda, sendo ó mesmo tempo lugar de reunión e de saída.
Ainda que no décimo aniversario modificouse algo na equipaxe (cambiouse a camisa de manga larga pola camisa de manga curta) e engadiuse un sombreiro de palla, sempre mantendo a esencia e o carácter da equipaxe do primeiro ano.

     Respecto ó toque da banda, tiña que ser bastante fácil de aprender, posto que case todos os membros non tocaran nunca, polo que non nos podiamos meter en temas complicados. Ainda que sexa fácil aguantar todo o desfile sen parar de tocar depende moito dos folgos que lle queden á xente despois dunha semana de festa!
Lóxicamente, o primeiro ano tivemos que ensaiar para que todos coñeceran e aprenderan o toque. O sitio escollido foi o campo de fútbol da Ribeira, espero que os nosos ensaios non fosen a causa de que os patos e as garzas non voltaran máis para esa zona do río…

     As pancartas e as bandeiras pintounas Rafa (o pintor), tendo a pancarta como debuxo principal o Cruceiro Pinto e de fondo o Ariño.

    Outra parte moi importante era o tema do viño. Non vaia ser que nos esquezamos de encargalo e non haxa que beber o domingo…!

    Finalmente, despois de tanto rompedeiro de cabeza, tantos sábados de ensaios e bastantes nervios, chegou o día do desfile, o día no que se vería se eses ensaios serviran para algo. E serviron, carallo se serviron!
Nunca poderei esquecer ese día. Xa saímos do cruceiro con ganas de mallar nos bombos e chegar ata a Alameda para comezar o desfile. Foi un día no que todos nos sentimos orgullosos do que se conseguira: o soño da banda de Salcidos era xa unha realidade.

    Temos que ter en conta que a banda non só implica á xente que a formamos e mailas nosas familias, senón que tamén inflúe, e moi directamente, no pobo de Salcidos, que estaba revolucionado por culpa desta banda, algo inusual e ó mesmo tempo emocionante. Persoalmente creo que todos estaban tan ilusionados coma nós porque esta banda forma parte do que é Salcidos, a xente síntese parte dela e alégrase de iniciativas coma esta que nos unen máis a todos.

    O domingo xa foi a cousa “máis relaxada” unha vez pasada a proba de fogo que era o desfile. No tocante á organización tanto o sábado coma o domingo podemos decir que todo saíu perfecto, gracias tamén á colaboración de todos.
Unha vez arriba, e esto pasa todos os anos, no momento da xura, unha especie de maxia e misticismo envolve a banda, non sei se é porque chegamos a culminación da semana e se torna especial ou polos efectos do viño… que tamén pode ser. É algo que hai que vivir para saber realmente o que é, son momentos nos que o único importante é pasalo ben.
A banda non deixa tamén de ser unha boa excusa para que nos reunamos todos a pasar un día entre amigos, apretarlle uns bos tragos de viño a eses garrafóns que están pedindo a berros que os baleiren.
Non hai coma chegar abaixo ó montiño no momento da desfeita e ver que case todo (ou todo) o viño bebeuse e que un ano máis a cousa andou xusta (para o ano que ven hai que encargar máis viño)
Atrás quedan eses momentos que se converteron en anécdotas, como o día en que se foron buscar un montón de bombos e caixas a Vigo co camión do Roberto, o lío de repartir a roupa, ir catar o viño (non se pode decir que non se ofrecesen voluntarios para eso) 

     Ano tras ano vanse correxindo un montón de cousas tanto no desfile coma no domingo. Os que estamos a cargo da banda pretendemos mellorar ano tras ano todo o que a envolve e seguir facendo que todos esteamos orgullosos de pertencer a Ela.


     A organización da banda quere aproveitar para agradecer a todos os membros que ano tras ano, coa súa colaboración, axudan a que sexa apreciada por todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario